Logo da mesa-redonda Paz-Andrade

Onte asistín á mesa redonda sobre Valentín Paz-Andrade que se celebrou na Casa Galega da Cultura baixo a organización, impecable e garimosa, da Fundación Penzol. Gustoume o acto pois a iniciativa permitiu escoitar voces moi autorizadas que traballaron sobre a vida e mais a obra de Valentín Paz-Andrade, integrando todas as casas editoriais que acolleron ou acollen publicacións sobre Paz-Andrade.   Que Galaxia, Xerais, Ir Indo e Biblos (mágoa da ausencia de Tucho Calvo, que tanto ten que dicir sobre o autor pontevedrés), co apoio do legado Valentín Paz-Andrade e baixo ese acobillo citado da Fundación Penzol, articulen conxuntamente un acto destas características talvez sexa máis relevante do que nunha primeira instancia poida semellar. É o tempo de xuntar esforzos, diso non teño dúbida.

     Das intervencións de onte realizáronse xa algunhas crónicas como a de Manuel Bragado, a do blog de Galaxia, ou nalgúns xornais. Particularmente quixera salientar as palabras de Charo Portela, que subliñou a con moito tino a importancia que constitúe ese tesouro informativo e vivencial que é o epistolario e que a investigadora puido manexar, e mesmo ordenar, transmitíndoo, e transmitindo así a palabra de Paz-Andrade nas súas dúas biografías -unha delas aparecida xustamente no día de onte-. Por outro lado, de Xan Carballa, remarcaría as súas palabras -tamén expresas nos seus traballos- destinadas a salientar a importancia de Paz-Andrade como xornalista ao longo de toda a súa vida. Cadro con el nesa valoración primordial do xornalismo como columna vertebral da súa actividade pública, a carón da literaria, a política ou a empresarial. Por suposto.

O local ateigado de público devecente por coñecer máis sobre Paz-Andrade foi, sen dúbida, o mellor testemuño do éxito dun acto, que non estaría de máis repetir cando se dean as condicións. Parabéns aos responsables da iniciativa.