Os fillos do mar, de Pedro Feijoo

Pedro Feijoo

Os fillos do mar

Edicións Xerais, Vigo, 2012, 432 páxinas,   21 €

Pedro Feijoo (Vigo, 1975), centrado até agora en diversas ocupacións profesionais vinculadas co ámbito musical, publicara un ensaio musical sobre as eivas que detectaba no panorama musical galego (Viva o Fu Remol!, 2005) e mais outro traballo de carácter máis literario arredor da presenza de Castelao no xornal Galicia que dirixira  Valentín Paz Andrade. Na narrativa, alén  dun relato publicado no volume que recollía os textos galardoados na XII convocatoria do Certame Literario Os Viadutos (Xerais, 2012)  e que solventara felizmente cun destacable apoio de base histórica, Os fillos do mar supón a súa primeira e, sen dúbida, afortunada novela.

         Feijoo manexa con tino un bo feixe de recursos que deberían conducir esta novela a converterse nun dos libros de máis amplo espectro entre o lectorado, sen que isto supoña dar as costas á calidade literaria que a calquera novela se lle debe esixir e aínda máis se a proposta se achega, talvez tanxencial pero significativamente, aos eidos do thriller.  Alén dunha palpable habelencia na construción do discurso narrativo, en que cómpre destacar tanto a verosimilitude das situacións expostas –as casualidades existen na vida real, por que non na ficción?- como na doada complicidade que se ofrece, talvez motivada por esa postura enchoupada de ironía que exhibe o propio protagonista, formúlase unha historia
con enigmas na que mestura, en doses acaídas, elementos que proveñen de diversos sub-xéneros narrativos onde é palmaria a tonalidade das novelas de intriga e misterio mais onde o corpo central vai prendido na busca da propia identidade dunha parella de protagonistas: un arquitecto vigués e mais a herdeira dunha familia adiñeirada viguesa.

        É a fortuna, ou o fado, quen os une e é aí onde, por volta deste eixe, se vai construíndo unha historia na que non resulta menor o interese por desvelar enigmas que nos conducen ao suposto tesouro dos galeóns de Rande, á presenza dos nazis en Vigo, ás pegadas dunha empresa viguesa con ramificacións no poder ditatorial da administración franquista ata os rescaldos da guerra do trinta e seis, sen esquecer algunha conexión co mundo do narcotráfico… Todos estes referentes poden semellar, a priori, algo explosivo nun cóctel literario, e de feito así é, mais no aspecto positivo pois aparecen ganduxados con inequívoca soltura. Non se  descoidan tampouco nin as pasaxes cheas de intensidade –antolóxicas ao meu ver as referidas ao Buraco do Inferno de Ons, que tamén ocupa un papel relevante-, nin tampouco ese espazo físico chantado nunha cidade como Vigo que, ao meu ver, adquire categoría protagónica e que permite asomarse  á cidade daquel grande arquitecto que foi Michel Pacewicz ata a mesma actualidade.

      Os fillos do mar, e este reseñista non desvela máis elementos do seu argumento, é unha novela que se debe ler. Flúe con lixeireza, amenidade e, ademais, resulta solvente na súa arquitectura e na súa resolución. Deséxolle a mellor das sortes posibles e recomendo deixarse levar polos perfís de todos os personaxes, polas historias e os espazos que encerra: os que arrecenden a verdade e mais os de ficción. Non defraudará.

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, 0 14 de abril de 2012.