Os ollos das palabras, de Baldo Ramos e Caxigueiro

Baldo Ramos e Caxigueiro

Os ollos das palabras

Xunta de Galicia, Santiago, 2012, 96 páxinas.

Froito da magnífica exposición Os ollos das palabras, que Baldo Ramos e mais o artista plástico Caxigueiro manteñen aberta até os primeiros días de xuño na Cidade da Cultura, editouse un catálogo expositivo un tanto singular pois alén de incorporar abondoso material fotográfico tirado dos fondos expositivos acrecenta dous libros poéticos inspirados neste proxecto. Lembroume esta publicación a participación que hoxe  realicei para o programa radiofónico La Voz en Espiral onde dialoguei, con Suso Díaz, arredor da traxectoria literaria de Baldo Ramos. Coido que é ben deixar constancia dun traballo que, sospeito, non gozará dunha difusión como merecería ao se tratar dunha publicación que  chegará con inevitables dificultades aos circuítos de distribución máis habituais.

       Malia todo, fóra  dun meritorio traballo de edición, este  Os ollos das palabras pode, e talvez deba, lerse como o resultado da inspiración nada ao abeiro dun proxecto común como é confrontar, ou mellor sería dicir harmonizar, intervención plástica e creación literaria.

      Prologado, entre outros, por asisadas palabras do poeta Eduardo Estévez,  quen se achegue á publicación atopará, por unha banda, un conxunto de composicións do poeta de Celanova a través dos cales transita polos motivos máis queridos da súa estética como son a reflexión polos ecos que suscita a memoria, a materia, a palabra, o silencio e a  limitación da propia  linguaxe ou linguaxes; elementos por outra parte solidamente arraizados na súa xa dilatada obra poética.

     Ao tempo, é a voz poética de Caxigueiro quen se incorpora, nese diálogo interartístico, á segunda parte do volume. Un autor do que particularmente descoñecía ningunha obra literaria anterior e que se amosa ben próximo ao terreo dunha estética  marcada polo esencialismo, un intenso pouso reflexivo e mais certo intimismo de raíz, por veces, telúrica.

      Un interesante diálogo entre, talvez, un escritor que pinta e un escultor que escribe; artistas ambos os dous á fin e ao cabo, que habilitan, sen dúbida, unha feliz confluencia.