Sentada lectora, en Gondomar

Un acto imaxinativo e reivindicativo é o que Espazo Lectura vai levar a cabo este vindeiro domingo día 22 de abril no concello de Gondomar. Moito me pracería participar nela mais unha viaxe programada hai tempo vaimo impedir. Con todo, desde aquí vaian todos os meus azos aos seus organizadores e os meus desexos de que unha proposta coma esta, que defende a importancia da lectura, que contempla nestes tempos a  lectura como rebelión, teña a fortuna que ben merece como o acto central da V Semana do Libro e a Lectura que Espazo Lectura organiza, coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar.

Deixo aquí a información que me chegou sobre o acto e mais o cartel anunciador:

Este próximo domingo 22 Espazo Lectura convoca a toda a cidadanía a unha Sentada Lectora en Gondomar. Será un acto cívico a favor da lectura, un acto para defender a lectura como un elemento indispensable para elevar o nivel educativo e a capacidade crítica e analítica das persoas, moi especialmente nun momento de crise como o que estamos a vivir. Precisamente hoxe é máis necesaria ca nunca. Precisamente hoxe, a lectura debe ser unha rebelión imprescindible.

En que consiste o acto? Pois trátase de acudir á Alameda de Gondomar cun libro na man e sentar no chan para enchela de persoas con libros. Ás 12:15 horas actuará o grupo Migallas, especialmente para o público infantil. Logo permaneceremos sentados no chan, lendo durante 15 minutos. Finalmente, a actriz e escritora Paula Carballeira e a xornalista e tamén escritora Araceli Gonda lerán conxuntamente un Manifesto a favor da lectura. O acto despedirase coa actuación do coro Cantares do Brión, de Vincios. En caso de que a chuvia impedise o acto, trasladariámolo ao Auditorio Lois Tobío de Gondomar.