Buenos Aires, onte

Onte foi día de emocións acumuladas. Celso Emilio Ferreiro empregaba o termo de “ecumene” para se referir ao capital galego que atopaba nas comunidades galegas americanas. E algo de ecumenismo laico foi o que se cristalizou onte por aquí. O certo é que esperta a miña admiración a actividade  levada a cabo por grupos extraordinarios como o chamado Terzo da Fala. Nun encontro con algúns dos seus membros oín historias persoais cargadas de sentimento que van desde as que asentan as súas raíces nos exiliados da guerra civil ata aqueloutras nas que redescobren a dimensión que atesoura a lingua como elemento que avolve o interior dos  persoas e permite recuperar o que se perdeu ou esqueceu. Beizóns para o Terzo e polo labor que, con tan poucos medios, realizan!

       Non  menos intenso foi o acto celebrado nos locais da Federación de Asociaciones Gallegas en la República Argentina, depositario –aínda hoxe- da fe nos valores republicanos e progresistas. Gustoume o acto que presidiu Paco Lores, a quen me une unha compartida devoción por Lueiro Rey, e acompañounos no acto  Anxo Lorenzo como representante institucional e María do Ceo e os seus músicos que lembraron a Celso Emilio nunha actuación memorable.

     Hoxe correspóndeme un encontro con alumnado do colexio Apóstol  Santiago de Buenos Aires, para redescubrir a Celso Emilio, xa nun pouco.