Buenos Aires (onte, 2)

Se houbo algún intenso este foi o de onte: dous impactos fundamentalmente. O primeiro foi a visita ao colexio Santiago Apóstol de Buenos Aires: un centro de ensino no que a lingua galega se contempla e potencia entre a comunidade de descendentes de galegos mais tamén entre a poboación máis nova do barrio de Once, conformada por comerciantes de orixe coreana, que substituíron nun tempo non moi recuado á comunidade xudea. Pola miña parte, máis que difundir algúns aspectos de Celso Emilio Ferreiro entre un alumnado atentísimo emociona o feito de que este se exprese con naturalidade  e cunha perfección deslumbrante na nosa lingua, que pregunte sobre cuestións literarias e culturais nun galego cun fermoso acento porteño. Beizón para Carlos Brandeiro e Xoán Xesús, os dous profesores de lingua do centro por ese inestimable labor que levan a cabo.

     O seguinte impacto, directo á memoria e a tantas cousas, foi a visita ao Centro Galicia onde descubro un cadro restaurado de gran tamaño de Castelao: “A derradeira leición do mestre”, situado nun espazo a carón de orixinais dos célebres debuxos de negros e mais algúns obxectos persoais do rianxeiro: a súa máquina de escribir entre eles. O cadro produce unha sensación que conmociona tanto polo seu tamaño coma polo feito de poder advertir, de preto, a intensidade da súa mensaxe. Tardarei en esquecer ese momento.

   Tampouco quero obviar o magnífico concerto dedicado aos poetas galegos no Teatro do Centro Galicia a cargo de María do Ceo e os seus virtuosos músicos -Filipe e Xosé- nin tampouco o encontro na Feira do Libro coa escritora arxentina Claudia Piñeiro, filla de galegos e un dos valores máis en alza desta literatura irmá.