Valentín Paz Andrade. Vida e obra, de Charo Portela

Charo Portela

Valentín Paz Andrade. Vida e obra

Xerais, Vigo, 2012, 136 páxinas, 12 €

 

Miguel Anxo Fernán Vello, nunhas reflexións que precedían uns apuntamentos biográficos sobre Xosé Manuel Beiras e que subscribía nun libro-homenaxe publicado hai pouco tempo por Galaxia, subliñaba a validez dunhas palabras da escritora arxentina Graciela Scheines, que me parecen moi acaídas para este traballo que hoxe me ocupa e que definían a biografía como “un mapa que serve para orientar os pasos, para saber de onde vimos e cara a onde imos, para vermos simultaneamente o presente, o pasado e talvez o futuro […], e todo isto de par das liñas de forza da historia, os obstáculos e as encrucilladas”. Reflexións todas elas, ao meu ver, pefectamente aplicables a esta rigorosa cartografía biográfica e literaria titulada Valentín Paz Andrade. Vida e obra, que Charo Portela acaba de publicar en Edicións Xerais de Galicia.

         Nunha mesa redonda celebrada na cidade de Vigo en que participaron os máis dos biógrafos de Paz Andrade, a autora deste ensaio referíase á relevancia que lle outorgaba á consulta, entre outra moita documentación, do epistolario conservado de Valentín Paz-Andrade e o que esa “revelación” supuxo para a redacción deste traballo. Comparto con ela esta visión que lle concede unha importancia esencial a esta fonte singular de datos pois aí repousan boa parte das liñas principais de actuación e de pensamento de toda unha vida, sexa de quen for; aí se conservan, estantías e tan significativas, as palabras e as vivencias que rescatan un tempo e que, por suposto, en alguén como Portela que consultou e ordenou no seu día boa parte do epistolario do autor pontevedrés é un elemento distintivo que se advirte moi ás claras ao pouco de se internar por estas páxinas.

         Portela opta, así pois, por seguir un esquema a través do que afonda, en primeiro lugar, nos socalcos máis estritamente biográficos que van das orixes pontevedresas até os derradeiros días, revisando con vagar, exhumando moitos datos e vivencias, interpretando e valorando a súa andaina persoal nos ámbitos vital, cultural, político e empresarial. A continuación pásase a analizar, con detemento, a obra literaria galega que vai desde o Pranto Matricial ou a Sementeira do vento até o seu célebre Castelao na luz e na sombra, sen esquecer prestarlle a atención precisa a outros estudos histórico-literarios menos coñecidos ou divulgados. Unha completa visión analítica sobre o seu relevante labor xornalístico, verbo do ensaio económico e daquel que se detivo nas posibilidades do sector pesqueiro desembocan nunhas atinadas reflexións arredor do epistolario conservado, engadindo finalmente unha ampla e  útil bibliografía arredor do autor.

         Na conclusión desta entrega ensaística Portela afirmaba que pretendeu explicar e amosar os fíos e as cordas dun trasmallo que era o dun home “que tentou sen acougo acadar o desenvolvemento da súa terra, tirar a Galicia da súa marxinación e que, tamén dende a utopía, traballou arreo tendo sempre a Galiza como tarefa”. Engadiría eu que, afortunadamente, misión cumprida e con creces.

 

Esta recensión publicouse baixo o título de “Memoria e actualidade de Paz Andrade” nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 28 de abril de 2012.