Carlos Casares sobre un estudo de Xesús Alonso Montero arredor de Celso Emilio Ferreiro (Novas CEF XXXVIII)

Na páxina da Fundación Carlos Casares atópanse gorentosas sorpresas nesa recuperación de textos provenientes da sección “A ledicia de ler” que, durante tantos anos, mantivo o autor de Ilustrísima nas páxinas de La Voz de Galicia. Nesta ocasión incorpórase a ese fondo un interesante artigo, que viu a luz o 25 de agosto de 1982 baixo o título de “Celso Emilio visto por Alonso Montero”, no que dá conta e analiza o estudo biográfico que o profesor Alonso Montero publicou no ano 1982 na editorial Júcar.  Coñecía outros textos que subscribiu Casares, aínda que este concreto non, verbo de diversas facetas de Celso Emilio; todos eles especialmente interesantes, ao meu ver, pois nunha alta proporción dan conta das vivencias compartidas. Casares xa acudira, sendo moi novo, ao banquete que se lle tributou nos baixos do antigo Hotel Roma, en 1966, cando Celso Emilio abandona Galicia para instalarse en Caracas. Tamén lembro diversos artigos que Casares lle dedicou á súa morte que transmitían sempre o especial afecto que lle suscitaba a figura do celanovés, documentos que foron moi estimables na confección do traballo biográfico sobre Celso Emilio que verá a luz en pouco tempo.

Deixo a continuación o texto ao que me refería arriba e que tamén se pode consultar aquí. Parabéns á Fundación Carlos Casares por esta interesante e útil  iniciativa e o meu agradecemento por permitirme reproducilo e compartilo. 

A figura de Celso Emilio Ferreiro, durante tantos anos centro e compás da poesía galega, empeza a perder a entidade antipática de mito intocable para se converter en materia de reflexión serea de estudo desapaixonado. Pouco a pouco van aparecendo traballos de investigación sobre a vida e a obra dun poeta que ocupou, durante preto de vinte anos, un lugar de auténtico privilexio no mundo  literario galego e español en xeral. Neste sentido, Celso Emilio Ferreiro foi algo máis que un destacado autor de libros de versos; acabou sendo tamén un fenómeno político e social. Contribuír a aclarar as claves da súa obra e o que o seu autor chegou a significar no panorama cultural de Galicia, é tarefa útil e necesaria.

     Acaba de publicarse, na colección dedicada aos poetas pola editorial Júcar, un amplo estudo de Xesús Alonso Montero sobre o poeta de Celanova. É o máis completo, documentado e interesante de cantos apareceron ata agora. O seu autor, que mantivo unha fraternal amizade co poeta e que tivo acceso ao seu arquivo, estaba en condicións de nos ofrecer unha primeira aproximación crítica á súa obra. Contaba, quizais, coa dificultade psicolóxica que lle impuñan tanto a proximidade temporal do escritor estudado como as boas relacións persoais mantidas con el, o cal sempre pode actuar en contra da obxectividade requirida.

     A verdade é que Xesús Alonso Montero se esforzou en manterse dentro dos límites da asepsia académica, cousa que ao meu xuízo conseguiu, sen caer por outra parte na frialdade deshumanizada dos puros datos. Os libros de Alonso Montero teñen sempre unha especie de quentura cordial que os individualiza, con personalidade ben definida, entre os demais do seu xénero. Percíbese debaixo da súa prosa moita vida, moita paixón e un entusiasmo comunicativo soamente comparable ao que pon nas súas brillantes pezas oratorias, tan admiradas por todos cantos o teñen escoitado nas diversas tribunas do país.

    No seu estudo pódense destacar os seguintes valores. En primeiro lugar a detallada ordenación do material bibliográfico do poeta, a traxectoria do cal recompón ata nos seus máis pequenos detalles. En segundo lugar, a revisión do tópico, tantas veces alimentado e sostido por todos, de limitar a Celso Emilio Ferreiro á condición de autor de un único libro e de simple poeta social. Alonso Montero demostra cumpridamente que tal enfoque é incompleto e parcial. A todo isto aínda habería que engadir algo máis: a relativización do interese dunha parte circunstancial da poesía de Celso Emilio. Tres valores fundamentais que invitan a ler este libro honesto, útil e intelixente.