Hai algunhas semanas solicitáronme un artigo que operase como nexo, como un dos posibles puntos de encontro entre Celso Emilio Ferreiro e Valentín Paz Andrade. Desta proposta que me realizaron desde a revista ourensá Raigames saíu “Os encontros Celso Emilio Ferreiro e Valentín Paz Andrade”, no que rastrexo e dou a coñecer algunhas das vinculacións que puiden documentar entre os dous personaxes que protagonizan este ano, literaria e culturalmente falando.
A revista articúlase, desde xeito, como un monográfico centrado na difusión de diversos aspectos de senllos escritores a cargo das achegas de Luís Ferreiro, Francisco López-Barxas, Antonio Piñeiro, Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e José Ángel García López no que atinxe a aspectos diversos do celanovés, mentres que as colaboracións que se vinculan co autor de Pranto matricial veñen da man de Tucho Calvo, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Luís Pérez Rodríguez, Charo Portela Yáñez, Emilio Rodríguez Portabales e Clodio González Pérez, ademais dunha cronobiografía da que se responsabiliza igualmente Afonso Vázquez-Monxardín Fernández. Esta entrega conta asemade cun interesante texto de Xosé Neira Vilas, quen lembra as figuras dos seus dous amigos.
A revista conta coa posibilidade de descarga para a súa lectura premendo aquí e procurando a entrega número trinta e seis. Agradézolle aos responsables que contaran comigo pois, ademais, a súa difusión a través da rede posibilitará chegar a máis sitios e facilitará o seu acceso.