O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso

Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso

O cullarapo Croque

A Porta Verde do Sétimo Andar, Vigo, 2012, 36 páxinas,  19  €

 

       Publicado como a quinta entrega dos chamados “Q de Vian Cadernos” chégame esta fermosa publicación, requintada e expresivamente ilustrada por Luz Beloso, da man de Miguel Ángel Alonso Diz, ese forxador de versos inquedo e imaxinativo: un activísimo membro dese colectivo plural chamado  “A porta verde do sétimo andar” que foi acadando un espazo propio para posibilitar editorialmente novas propostas narrativas, poéticas e, singularmente, tamén no ámbito da poesía para primeiros lectores, que comezan a ler sós e que tamén queren compartir lecturas pois sen dúbida este é un libro para compartir, aprender e gozar.

     O libro, prologado suxestivamente por Xosé Neira Vilas e obxecto dunha intensa e coidada atención tipográfica, gobérnase por unha inequívoca vontade naturalista e imaxinativa, adentrándose nos fecundos terreos que, para a creación aliada coa fantasía, ofrecen os diversos elementos da natureza de xeito que sexan estes os que van fiando un discurso poético sinxelo, tenro e efectivo, que se achega a motivos como o dereito á diferenza, á lingua ou o amor.

    Deséxolle a maior das sortes aos responsables deste proxecto. En ocasións, a fe depositada nos valores dun libro, coa forza de alguén que comeza, fai que o seu efecto e recepción vaia a máis e medre como unha bóla de neve; oxalá sexa este o caso pois ben o merece.