Follas Novas (ilustracións de Álvaro de la Vega)
El Patito Editorial, Compostela, 2012, 216 páxinas, 22 €
Un amigo faime un agasallo que moito agradezo. Trátase dunha nova edición de Follas Novas, que preparou El Patito Editorial por mor da celebración do 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e que se engade á serie de publicacións que o selo compostelán vén realizando arredor da obra literaria rosaliana.
Manifestar algo medianamente orixinal ou distinto dos ríos de tinta que se verteron arredor deste poemario é ben difícil e non pretendo agora ese obxectivo. Tan só quixera dar conta desta extraordinaria edición, da dimensión estética do libro tamén, na que Álvaro de la Vega realiza un exemplar e enriquecedor diálogo con este poemario, incorporando así unha interpretación artística tan universal como a que simboliza esta obra na produción rosaliana. Nunca está de máis reler Follas Novas pois, como as grandes obras, resulta un exercicio que sempre posibilita redescubrir algún matiz que en lecturas anteriores, talvez, non se reparara. Poder facelo nunha edición tan requintada como a que me ocupa supón unha verdadeira regalía.