Antonio Fiz Fernández: memoria (viva) de Castelao

Ao titular onte “Memoria de Castelao” un breve comentario arredor da biografía do rianxeiro subscrita por Valentín Paz Andrade, e que Galaxia reedita estes días, lembrei unha das experiencias máis gratas que vivín hai algúns días en Buenos Aires. Tal foi, entre outras sobre as que prometo escribir en canto afrouxen os compromisos e traballos,  a descuberta e mais unha breve e intensa conversa   que puiden manter con Antonio Fiz Fernández, un reputado médico e especialista en antropoloxía cultural, que cos seus 96 anos remarcou o orgullo atesourado por pertencer, no seu día, á chamada Irmandade Galega de Bos Aires: unha institución asociativa e progresista que, ao longo dos anos corenta, constituíu unha sorte de garda pretoriana de Castelao, acompañándoo desde pouco despois da súa chegada á cidade porteña até o seu falecemento. Cadrou que coñecese  a Antonio Fiz Fernández e á súa esposa Olga  -ambos os dous na foto de embaixo grazas á profesora e xornalista Mariana Ruiz-  nunha visita ao Hospital do Centro Galego bonaerense, onde tiven ocasión de coñecer o espartano cuarto hospitalario onde morreu Castelao, a habitación 202 chamada tamén “Museo Castelao”, conservada tal cal aquel día de xaneiro de 1950, cunha única intervención que consistiu na apertura posterior dunha ventá, orientada a un corredor interior, na que situaron en diversos andeis obxectos, fotos e cartas de Castelao (véxase a foto superior). Aquilo supuxo entrar nunha sorte de cápsula do tempo da que tardei en saír un tanto conmocionado.

    Tamén visitou ese cuarto Fiz Fernández e a súa esposa, Olga. Testemuñei como  en ambos os dous se agrandaba unha emoción sincera e  intensa ao saír daquel espazo que semellaba, máis ben, un verdadeiro santuario laico, para min totalmente descoñecido. Transmitían así,  silandeiros mais con elocuencia, o sentimento que a evocación de Castelao proxectaba en quen tiveron a sorte de tratalo, coidalo e coñecelo; tamén de recoñecelo en vida asumindo a verdadeira dimensión do papel histórico que desenvolveu.

     É ben posible que hoxe a figura de Fernández Fiz, aquén mar, estea inxustamente desdebuxada, cando non ignorada. Nesta ligazón, do Portal Galego da Língua, pódese atopar algunha información sobre a súa traxectoria. Un pracer coñecer a Antonio Fiz e Olga, beizón.