Alén dos traballos de corte máis puramente biográfico, que os houbo, extraordinariamente documentados e moi precisos para divulgar a traxectoria vital de Paz Andrade, apareceron outras publicacións guiadas pola vontade de rescatar e pór ao día algúns títulos ou obras do escritor pontevedrés.
Entre os máis salientables cómpre se referir á reedición facsímile de Galicia como tarea que levou a cabo Edicións Xerais de Galicia: un volume hoxe inatopable na súa versión orixinal e que se publicara inicialmente polas Edicións Galicia do Centro Galego de Bos Aires e que, nesta ocasión, chega acompañado dun completo estudo introdutorio do que se responsabiliza Ramón Villares. Galicia como tarea resultou, e resulta, operativo para cifrar con fortuna o obxectivo perseguido polo seu autor ao longo da súa vida pero, ademais disto, é considerado como un libro auroral do estudos socio-económicos galegos, un libro vixente para ollar o futuro con intelixencia, con dinamismo e esperanza.
POESÍA COMPLETA
A mesma casa editorial acolleu tamén outro volume que reformula ou redimensiona de vez a faceta poética de Paz Andrade coñecida ata agora. Refírome ao volume Poesía completa que, da man do profesor Gregorio Ferreiro Fente, é quen de ofrecer non só os tres libros poéticos que figuran na súa bibliografía senón unha inxente e realmente sorprendente obra lírica inédita e dispersa, entre a que se integran varios poemarios completos aos que se lle deu forma no período da Guerra Civil española como os titulados A serra. Cantos do desterro branco (1937), Sangue na neve: Etopeia da serra (1937) ou Cantos da aguia e do lobo (1937), alén de recuperar outros posteriores.
DIVULGACIÓN
Para concluír coas reedicións, neste caso de pezas creativas máis ou menos breves, e desde unha perspectiva que contempla unha finalidade divulgativa, cómpre non esquecer tanto a Biografía. Antoloxía (Xerais) que subscribe Charo Portela e na que incluíu, na súa parte conclusiva, un variado repertorio de textos poéticos, xornalísticos ou ensaísticos, de especial utilidade para que o lectorado máis novo tome contacto coa obra do escritor de Lérez. Neste mesmo sentido é preciso acrecentar a Antoloxía (Galaxia) da que se responsabilizou o xornalista Xan Carballa na que, alén dun sintético percorrido biográfico previo, engade unha extensa escolma que vai rescatando textos de diversos xéneros e que recalan nos asuntos que ocuparon a atención de Paz Andrade con máis intensidade, incorporando ademais algúns textos practicamente descoñecidos e outros de difícil acceso hoxe en día, articulados orixinariamente como discursos e ou colaboracións xornalísticas.
MEMORIA DE CASTELAO
A comezos dos anos oitenta do pasado século, Valentín Paz Andrade repara que para coñecer a traxectoria vital de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao só se podía acceder a algúns achegamentos de carácter parcial. Decatábase da existencia dunha eiva, a dos ensaios de carácter biográfico, aínda ben evidente hoxe agás algunhas excepcións. Deste xeito, beneficiándose do trato que mantivo con Castelao, mais tamén recadando datos e información, documentos e testemuños aquí e acolá, nun período sorprendentemente limitado que revela a súa intensa capacidade de traballo sendo xa octoxenario, logra dar cabo e publicar, en 1982, Castelao na luz e na sombra naquela exemplar colección que Isaac Díaz Pardo dirixía baixo o título de “Documentos para a historia contemporánea de Galicia”. Aquel libro reedítao agora a editorial Galaxia estreando a colección “Grandes biografías” cun limiar de Miguel Anxo Seixas Seoane. Unha obra monumental, case inaugural no eido das biografías de grandes personaxes galegos, na que o seu autor exhibe, por outro lado, unha inequívoca vontade estilística que harmoniza coa pulsión do biógrafo, do historiador e a do erudito, conseguindo un resultado admirable. Unha lectura, ou relectura, absolutamente imprescindible.
Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas”, de La Voz de Galicia, o 12 de maio de 2012, baixo o título de “O país como tarefa literaria”.