O neno can, de Fina Casaldarrey e Francisco Castro

Fina Casalderrey  / Francisco Castro

O neno can (ilustracións de Patricia Castelao)

Galaxia, Vigo, 64 páxinas, 11 €

 

Saúdo co agarimo e vehemencia precisas que merece un proxecto, que vai alén do literario,  como o que chegou estes días ao meu poder. Trátase d´O neno can, unha obra escrita a catro mans, que non son unhas mans calquera pois tanto Fina Casalderrey como Francisco Castro xa demostraron, amplamente, as súas virtudes como destacados creadores.

     Descoñezo o proceso de creación destes cinco relatos mais como lector intúo que a complicidade debeu ser intensa pois o resultado final, que é o que un valora, fai converxer nos textos  o mellor de cada narrador: sensibilidade, coidada estrutura, axilidade e sinxeleza expositiva, todo posto ao servizo, paréceme, dunha prioridade como é a de contaxiar un andazo saudables como debe ser o de promover os valores da igualdade e da xustiza, para o que idearon historias dominadas pola vontade de exhibir situacións, capítulos da vida cotiá, das diversas vidas cotiás, que afectan a nenos e nenas que ven conculcado o seu dereito a levar unha vida digna, quer polas súas discapacidades, polas insalvables dificultades no contexto social no que alentan ou polos abusos a que son sometidos.  É evidente que en cada un dos relatos repousa unha intención de querer ir sempre máis alá, isto é, de construír un artefacto literario que, ademais, resulte operativo para abrir os ollos, para reflexionar arredor do universo da nenez e confirmar que non todos os nenos e nenas participan de circunstancias que serían desexables dentro das contempladas na chamada Convención dos Dereitos da Infancia.

   O libro contribúe, con rotundidade e para todas as idades, a derrubar as barreiras que se conteñen nunhas citas iniciais que actúan como pórtico dos contos, por certo interpretados fantasticamente a través das ilustracións de Patricia Castelao. Por todo o dito deséxolle a mellor das sortes a este libro, que se lea e difunda,  pois literariamente parécenme relatos intachables. Participo da idea que non estaría demáis axudar a unha iniciativa solidaria que agroma da vontade creadora e igualmente solidaria de dous autores de noso e dunha editorial galega  que destinará parte dos seus beneficios a UNICEF. Parabéns por esta proposta e que colleite moitos éxitos.