Poesía vasca en galego, onte en Vigo

Asistín onte á presentación que acolleu o Marco de Vigo do libro Alén da fronteira. Sete poetas vascos, un volume do que me ocupei brevemente hai algún tempo e que inaugura unha nova xeira da colección poética Tambo, agora en Faktoría K de Libros. Tras compartir moitas horas de lectura, e tradución, da obra de Bernardo Axtaga entendín que era obrigado presenciar este acontecemento e o certo é que saín moi satisfeito desta confluencia poética vasco-galega,  que desexaría se repetise en máis ocasións. Teño a convicción de que a poesía cómpre oíla en voz alta e esta era unha magnífica ocasión que non se podía desaproveitar.
       A lectura de textos poéticos galegos na versión de Isaac Xubín, que realizou Luís Rei, director da colección Tambo, precedeuse cunha sintética e clarificadora introdución á poesía en éuscaro que chegou desde a voz de quen subscribiu o autorizado e áxil limiar do libro, Jose Ángel Irigaray, que ao tempo foi introducindo breve e documentadamente cada un dos autores presentes nesta escolma, que van desde Axtaga até Luigi Angelmi por só citar dous deles. Falouse moito de Etiopía, de Axtaga; citouse a Lete,  Jon Gerediaga, Tere Irastortza, Xabier Lete, Xabier Montoia e Joseba Sarrionandia…, insistiu Irigaray nas conexións, tantas veces case invisibles pero reais, entre a poesía galega e vasca e o tempo fuxiu sen decatarse, enlevados tamén coa espléndida actuación musical de Ruper Ordorika e Arkaitz Miner, que supuxeron para min un verdadeiro descubrimento polo seu bo facer e profesionalidade. Eskerrik asko eta laster arte.