Hai algúns meses a AELG solicitoume un pequeno texto arredor de Celso Emilio Ferreiro que ía destinarse a un proxecto ideado baixo a vontade de festexar o cincuentenario da celebración do Día das Letras Galegas. O proxecto vén de se publicar -magnífico o logotipo do grupo Revisión que reproduzo á dereita-, e tamén se ofrece na rede integramente (pódese consultar premendo, no web da Real Academia Galega e, máis concretamente, aquí).
Dá comezo esta publicación cun atinado manifesto titulado “As Letras que nos fixeron”, subscrito polos representantes das diversas asociacións e entidades que botaron a andar o proxecto ao abeiro da RAG como son Marcos Dopico (presidente da Asociación Galega de Deseñadores), Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega), Jacobo Bermejo (presidente da Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia), Manuel Bragado ( presidente da Asociación Galega de Editores), Xurxo Patiño Pérez (presidente da Federación de Libreiros de Galicia), María Xesús Álvarez (presidenta da Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia) e Olimpia López Rodríguez (presidenta de ANABAD-Galicia). Un texto que recomendo vivamente ler e que remata cun aserto para lembrar: “Somos o que lemos e estas son as Letras que nos fixeron, as que aínda nos fan”.
Particularmente estou moi honrado de poder colaborar neste proxecto e agradezo estar aquí, xunto con outros corenta e nove compañeiros e compañeiras da escrita, unindo esforzos sempre. A miña gratitude tamén para desescribir pola magnífica lectura artística que realizaron do meu texto e, máis ca iso, da figura de Celso Emilio Ferreiro. As breves liñas que ideei, descoñezo a razón, non figuran no pdf da publicación conxunta en rede, malia que si o están no cartel, que se pode baixar de xeito individual, xunto cos 49 restantes. Permítome deixalas aquí:
CELSO EMILIO FERREIRO (1912-1979)
“A m o u a v i d a , a o s s e u s e o s e u p a í s .
R e s i s t i u a n o i t e d e p e d r a e v e n c e u”.