Antoloxía poética galega. Dun tempo e dunha terra
Editorial Luís Vives-Tambre, Vigo,120 páxinas, 2012, 11,80 €
Entre os diferentes proxectos editoriais vinculados co centenario de Celso Emilio Ferreiro, e que este ano 2012 van ver a luz, apareceu xa no mercado unha antoloxía poética da que se responsabiliza tanto o profesor Gonzalo Navaza, en canto á selección de textos e ás introducións explicativas, como David Pintor no que atinxe a un excelente traballo de ilustración.
De inspiración semellante, ao meu ver, a un proxecto anterior que viu a luz hai pouco tempo en Faktoría K, e que recollía unha breve antoloxía poética de Celso Emilio Ferreiro con ilustracións de Baldo Ramos, este Dun tempo e dunha terra articúlase como un repaso entre aquelas composicións poéticas máis significativas do poeta de Celanova, distribuídas a longo dunha serie de epígrafes que as agrupan atendendo ás principais liñas de forza dos seus contidos como son as de inspiración máis belixerante; as que se vinculan con asuntos como o paso do tempo, a perda do paraíso e o desacougo existencial; as que exhiben máis marcadamente a solidariedade cos máis oprimidos; aqueloutras centradas no universo temático amoroso, as que acreditan nos conceptos da esperanza e da Terra e, finalmente, as que se articulan arredor dunha visión sarcástica e satírica. Esta distribución, certamente orixinal e que non fora transitada deste xeito en ningunha escolma anterior goza, asemade, dunhas breves introducións contextualizadoras, ben efectivas para se mover acaidamente por estes poemas que ben se poderían xa denominar como “clásicos” da nosa tradición literaria.
O libro goza, como é de regra, dunhas páxinas limiares que supoñen, en liñas xerais, unha excelente carta de presentación para estes poemas escritos onte para un lectorado de hoxe.