Presentación d´A narrativa mariña de López Abente, en Muxía

Nesa liña de rescates bibliográficos que se impuxo a Fundación Gonzalo López Abente, e na que contamos coa excelente edición de Bretemada, realizada  con rigor e acerto polo meu benquerido Miro Villar, séguelle agora a edición dun novo volume –A narrativa mariña– que compila as prosas vinculadas con asunto ou ambientación costeira e mariñeira que López Abente editou, de forma independente ao longo da súa vida. O libro ofrece, se couber, a posibilidade de acceder a unhas pezas inatopables hoxe en día como son O diputado por Veiramar (1918), O escándalo (1920), O novo xuez (1922), Buserana (1925) e Fuxidos (1926) e faino en edición e  precisa introdución do profesor Suso Sambade.  Teño para min que este libro ofrece outra imaxe, complementaria e fecunda, da produción literaria de Gonzalo López Abente e da súa vinculación apaixonada e comprometida cos proxectos que pairaban nas actuacións culturais e ideolóxicas das Irmandades da Fala. Ademais, particularmente, supón a continuidade dunha histórica colección como é a BLG, que entendo como unha feliz noticia.

          Así pois, mañá estarei en Muxía, xunto con Manuel Bragado, o editor do volume Xesús Sambade Soneira e mais Felix Porto, alcalde de Muxía e Presidente da Fundación López Abente para presentar este libro. De certo que algún que outro amigo, como Rivadulla Corcón, andará por alí.