Do idilio á diáspora, de Carlos L. Bernárdez

Carlos L. Bernárdez

Do idilio á diáspora

NigraTrea, Baiona, 184 páxinas, 25 €

Cómpre saudar con satisfacción este ensaio que chega agora ás nosas librarías por moi diversas razóns; entre elas salientaría a garantía que supón vir da man dun dos nosos máis contrastados especialistas na historia da arte galega como o seu  longo currículo ben exhibe,  e mesmo subliñaría a afouteza que significa hoxe editar un libro destas características, situado nun ámbito especialmente resentido pola crise como é o da produción ensaística e, máis particularmente,  no que di respecto das publicacións vinculadas cos estudos artísticos. Facelo, ademais, tan requintadamente desde o punto de vista da edición técnica, incorporando abondosas ilustracións, con reproducións nalgúns casos moi poucos coñecidas, coido que cando menos resulta reseñable e mesmo  esperanzador.

         O subtítulo do libro –“modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane”– recolle acaidamente a orientación que este conxunto de ensaios proxecta, isto é,  interpretar analiticamente o que ocorreu na nosa pintura desde o chamado costumismo rexionalista do século XIX, pasando polos ecos modernistas e simbolistas ata chegar ao denominado grupo “Os novos”, que percorreu con teimosía e orixinalidade a distancia que conducía aos camiños da renovación, sen esquecer ir avanzando dun xeito parello aos vieiros das vangardas europeas. Dito noutras palabras, este ensaio achega unha cartografía rigorosa que evidencia as tensións e estratexias que, desde os alicerces, espellaron na creación dunha escola de pintura galega cun sentido de seu, revisando despois a forma en que esta estética artística propia se desenvolve nos tempos anteriores á guerra civil para perfilar, en último caso, as liñas de forza da súa evolución, tanto no exilio americano como no interior ata os anos cincuenta.

         A relevancia outorgada ao contexto histórico propio que acompaña a evolución da pintura galega nestes anos convértese nun elemento axial do libro, sen abandonar a perspectiva de entender as nosas manifestacións artísticas como unha parte substancial da tradición cultural europea, sempre mergullada nun espazo de reconstrución identitaria á busca dun espazo propio. Neste universo sobresaen as figuras senlleiras de Castelao e mais Seoane, inevitables puntos de inflexión neste proceso, mais non podería deixar de recomendar as páxinas dedicadas á interpretación das achegas de Laxeiro ou Colmeiro, ao cartelismo ou mesmo á exposición de pintura galega celebrada en Buenos Aires nos anos cincuenta, entre outros temas.

         Esta proposta de Carlos L. Bernárdez, por último, foxe do cripticismo, da inintelixibilidade expositiva; moi ao contrario, paréceme un traballo ideado para interesados na materia e para os queiran iniciarse e saber máis. A súa inequívoca orientación didáctica, como amosa a adopción dun discurso fluído que posibilita un asequible seguimento, facilita outear ese horizonte tan plural e vario constituído por grandes figuras e excepcionais obras. Moi recomendable, en fin, para se mover con seguridade neste ámbito da nosa tradición pictórica.

Esta recensión, baixo o título de “Memoria da pintura galega”, viu a luz nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 26 de maio de 2012.