Ramón Vilar convidoume a pasar pola revista literaria dixital Letra en Obras que, por certo, cumpriu un ano de interesante traballo na rede hai pouco tempo. Deixo aquí tanto a ligazón da entrevista completa, que tamén reproduzo abaixo, como a constancia da miña gratitude ao xornalista.
Ramón Nicolás (Vigo, 1966) é dende hai xa anos un dos nomes máis destacados da crítica literaria galega. Profesor de Lingua e Literatura no ensino secundario colabora e diversos medios escritos e audiovisuais. Outras facetas súas son o ensaio e a tradución, labores polos que recibiu diferentes premios e recoñecementos. Mantén na rede o blogue Caderno da Crítica. Dende Letra en Obras enviámoslle este cuestionario para coñecer a súa opinión sobre o momento literario que vivimos.
-Leva anos tirándolle radiografías á literatura galega como cre que anda de saúde nestes momentos?
-Espléndida, sen dubidalo. Sempre fun optimista neste sentido e sono aínda máis agora. Cómpre pensar que a república das letras galegas nace nun ámbito resistente, sempre se desenvolveu en contextos nada favorables para a súa proxección e, por moitas razóns, tampouco os ventos son favorables agora, pero aí está, segue enraizando. Malia as dificultades da recesión actual ese capital que é o talento creativo dos escritores e escritoras de noso non está, en absoluto, en recesión.
-Que sete obras literarias galegas publicadas nos últimos anos poñamos que non deberiamos perder de ler?
-Coido que só un par de veces, en todos estes anos desde que fago crítica literaria, realicei unha sorte de canon persoal, e nas dúas ocasións case o modifico ao instante. Comparto a idea de que é inxusto constrinxir a un número concreto de títulos ou obras o máis salientable nun período concreto de tempo. Permitirasme que o deixe así.
– Díganos o nome dalgúns novos valores da canteira literaria aos que debamos estar atentos.
-Lin algunhas cousas ben interesantes de poetas como Iria Fernández Crespo, Lorena Souto, Rosalía Fernández ou Andrea Nunes. Ao tempo, o traballo narrativo publicado hai pouco por Pedro Feijoo paréceme igualmente unha vía narrativa de calidade e interese que pode abrir moitas portas para que se incorpore á lectura en galego un público potencial que agora talvez non o fai.
-Agora que acabamos de celebrar o Día das Letras que se debería facer para desestacionalizar a visibilidade da nosa literatura e lograr que teña máis presenza pública ao longo de todo o ano?
-O Día das Letras non pode, nin debe, rematar o 17 de maio. A súa proxección debe ir máis alá e ocupar a totalidade do ano…, un camiño é estender as actividades do xeito que o ano pasado se realizou por mor do centenario de Cunqueiro ou, agora mesmo, coa figura de Celso Emilio Ferreiro. Nese último caso, do que son máis coñecedor, harmonízanse actividades de carácter institucional e editorial con outras numerosas posibilidades de actuación máis de base en centros de ensino, asociacións veciñais e culturais, recitais poéticos, presenza na rede, no ámbito audiovisual…, e coido que o resultado é moi positivo.
-Hai anos dicíase que internet ía ser un gran aliado para poñer en valor as culturas minorizadas. Mais hai voces que afirman a nosa literatura ten incluso menos proxección social que nos anos 90?
-Internet é unha ferramenta, máis nada, e cómpre saber utilizala, algo que non sei se se fixo ou se fai ben, sobre todo para non perder ese barco que é o da presenza nela da lingua galega. Hai que promocionala sobre todo nas persoas que empregan a rede como algo normal no día a día e aí é onde tamén a literatura estará presente, como debe estar a gastronomía, o deporte ou a música. Outra cousa é a comercialización de produtos literarios na rede onde se cadra haxa que dar aínda máis pasos, e con máis apoios.
-Daba conta no seu blog recentemente dunha campaña brasileira que recalcaba a importancia de fomentar a lectura dende a infancia. Realmente estamos a formar novos lectores para a literatura do país?
-Non descubro nada novo se digo que o fomento da lectura desde a infancia é crucial para o futuro de todo o noso sistema literario, formativo, educacional e cultural…, para a nosa sociedade en xeral. Sen lectura non hai cultura, cando menos cultura letrada, polo que todos os esforzos que se fagan nese sentido son fundamentais. O obxectivo debe ser asumido sen vacilacións e debe ser conxunto entre moi diversas institucións: as educativas sobre todo, mais tamén outro tipo de estamentos que se deben implicar. A miña experiencia no que se refire aos clubs de lectura, por exemplo, é moi positiva. Agarimalos e promocionalos deitaría resultados fantásticos, estou seguro, como tamén o serían novas estratexias para a difusión do libro infantil.
*Un cuestionario de R. Vilar