No último número de Biblos publico un artigo, de carácter divulgativo e xeneralista, arredor da produción literaria galega de medo ou terror. Déixoo aquí, cunhas mínimas modificacións, para quen que lle resulte de interese.
Solicítanme os amigos e responsables de Biblos algunhas reflexións arredor do que se pode chamar literatura de terror e medo en lingua galega. Respondín, en primeira instancia, afirmativamente pois non me cabía dúbida de que este é un xénero que, de promocionalo ben e nun tempo coma o presente onde o espírito evasivo das propostas literarias que sexan, sen que isto teña que estar rifado coa calidade literaria minimamente esixible, pode contribuír a ensanchar a base lectora da literatura escrita en lingua galega.
Ao fío deste xénero resúltame inevitable, asemade, pensar na literatura de corte policial, detectivesca ou negra en lingua galega, onde, co paso do tempo, foi constituíndose devagar un grupo solvente de autores, cadaquén dono dos seus trazos peculiares e que están na mente de todos, que foron conseguindo individualmente interesar ao público lector e mesmo chegar a crear interesantes expectativas diante da publicación inminente dalgunha nova proposta narrativa, aínda máis cando esta presenta a estrutura de saga como recurso para fidelizar lectores.
Céntrome na literatura de medo e de terror ideada e creada en lingua galega mais non se esqueza que tamén podemos acceder a un apreciable número de traducións que incorporan ao noso patrimonio pezas que van desde a que se considera a primeira novela gótica –O castelo de Otranto, de Horace Walpole- a voces como as que representan “clásicos” como Bram Stoker, Oscar Wilde, Conan Doyle e outras máis contemporáneas como Cornelia Funke.
Transitar, pois, a través das obras que o xénero deitou, ou vén deitando entre nós, inequivocamente fai pensar que este debería de contar coa vantaxe, e así se revela en moitos casos, de se incardinar dun xeito natural nese universo alimentado pola vizosa e riquísima tradición oral de noso onde case resulta un lugar común a presenza de elementos temáticos raianos ao medo e ao terror e, loxicamente, o emprego de recursos acaídos que introducían os receptores nunha atmosfera chea de interrogantes e desasosego, ben propicia para estas narracións orais. Mesmo resulta talvez máis que curioso moi significativo que moitos títulos, incorporados en catálogos vivos das editoras galegas, situadas no ámbito da denominada literatura infanto-xuvenil en tantos aspectos á vangarda da literatura que se fai en Galicia, teña entendido estes asuntos, presentes desde sempre na tradición dos relatos de xorne popular como amentei, como nucleares para a súa xestación. Este repertorio deu moito xogo até o de agora e resulta de especial interese, ao meu ver, cando se vincula, rescata ou revive elementos das nosa tradición lendaria e mitolóxica, fonte aínda case inesgotable, para recrear tanto motivos, personaxes e atmosferas. Bos, e exitosos exemplos deste camiño repousan en diversos libros de autores como Xosé Miranda, Xabier P. Docampo, Paula Carballeira, X. M. Marcos, Antonio Reigosa, Carlos Vila Sexto, Conchi Regueiro, Agustín Agra, Paco Martín, X. A. Perozo ou Agustín Fernández Paz, entre outros moitos que aquí non cito por razón de espazo.
Con todo, partindo de que moitas das propostas narrativas dos autores e autoras devanditos poden ser gorentados con fruición e garantías polo lectorado adulto, hai algunhas outras propostas ideadas especificamente para un segmento da base lectora que posúa outro tipo de referentes e mesmo de competencia. Desde algúns relatos de Rafael Dieste, pasando polo gran Ánxel Fole…, extraordinarios precedentes dun xénero que souberon, desde unha perspectiva propia, modernizar e dar o preciso salto desde o que se denominaba literatura de terror gótico cara ao terror moderno inaugurado por Poe, Lovecraft, Maupassant ou Ambrose Pierce. Nesa liña cómpre situar achegas desde a nosa literatura, dignísimas e plurais achegas contemporáneas ao xénero–moitas delas presentes nestas páxinas de Biblos– que son quen, realmente, de meter moito medo.