Biblioteca Dixital Mundial: a UNESCO promove unha ferramenta de coñecemento na que non existimos

Somos un pobo desaparecido, cando menos ao que se refire á nosa lingua, ao noso territorio, ás nosas manifestacións culturais, a nós mesmos…, ou talvez sería mellor dicir que a nosa presenza quedou ancorada no tempo da elaboración das “Cantigas de Santa María”. Afirmo todo isto segundo a Biblioteca Mundial Dixital, que acaba de pór en marcha a propia UNESCO, organismo que non hai moitos anos difundía unha revista propia en lingua galega.

     Un usario ou usuaria deste recurso, de Támil Nadu, Laponia ou outro lugar calquera, a quen lle interesase coñecer algún dato sobre nós atoparía, unicamente, unha referencia equívoca á Galicia polaca nun debuxo de Tadeusz Rybkowski,  e mais outra á lingua galega na voz -de contidos manifestamente mellorables- que repara nas Cantigas de Santa María.

      Se os obxectivos confesados da Biblioteca Dixital Mundial, a disposición en sete idiomas, pero non no galego,  parte da idea de ofrecer “de maneira gratuíta e en formato multilingüe, importantes materiais fundamentais de culturas de todo o mundo” perseguindo, asemade, “promover o entendemento internacional e intercultural” e “facilitar recursos aos educadores, estudosos e o público en xeral”, entre outros, sería de regra que reformulasen e ampliasen uns contidos que ben pouco contribúen a acadar eses obxectivos. Pregúntome se non temos un patrimonio, en forma de mapas, textos, fotos, gravacións ou outros documentos, que non poidamos compartir; creo que si.