Kipling ilustrado, en Kalandraka, 1º premio estatal de edición na categoría de Libro Infantil e Xuvenil

Probablemente sexa un privilexiado por ter entre as mans este Kipling ilustrado,  ao cal  lle viña procurando acomodo na miña biblioteca desde hai algúns meses,  sen deixalo repousar nunca  e agora volve, felizmente, a moverse. Tal e como hai equipos que son máis ca un club este era, e é, algo máis ca un libro, pois alén do seu valor intrínseco que obrigaba a repensar a figura do escritor recuperando unha escolma de relatos  ben escolleitos, permitía que sete ilustradores de primeira fila como son Isidro Ferrer, Pablo Auladell, Pep Montserrat,  Ajubel, Pablo Amargo, Paco Giménez e Arnal Ballester, construísen un diálogo espléndido coa narrativa de Kipling, alén de posibilitar o acceso a un monllo  de ensaios sobre o significado da obra do escritor británico, asediada desde diversos puntos de vista.

      Kipling ilustrado pareceume sempre  unha pequena alfaia e por iso alégrome  que se lle recoñeza cun galardón que testemuña a súa relevancia no panorama das publicacións estatais do xénero. Disposto polo equipo editorial da pontevedresa Kalandraka, a instancias dunha exposición homónima que se organizou no Museo Valenciano da Ilustración e da Modernidade (MUVIM) en febreiro de 2011 por mor do 75 aniversario do falecemento do autor d´O libro da selva, coido que testemuña un traballo feito cunha fantástica efectividade que serve para confirmar os enormes pasos que se deron, e van dándose, na industria editorial galega.  Por esta extraordinaria noticia, parabéns aos amigos  e amigas de Kalandraka!

                       (dúas ilustracións do libro, a cargo de Pablo Audadell e Paco Giménez)