Asistín xunto con Luís Ferreiro, este pasado luns día 4 de xuño, á inauguración do curso “Celso Emilio Ferreiro” que organiza o Concello de Noia e que coordina con eficiencia e solvencia Xavier Castro, a quen non coñecía persoalmente mais de quen sabía que leva anos sendo a alma máter de iniciativas culturais coma esta, do premio de aventuras “Avilés de Taramancos” e de tantos outros proxectos desenvoltos con esforzo, entre eles esa publicación modélica que é Casa da Gramática: fiel á súa cita anual desde hai moito tempo, con contidos tantas veces sorprendentes e xestionada desde o instituto Virxe do Mar de Noia, centro no que Xavier traballa.
Na Casa da Cultura noiesa, que leva con orgullo o nome de Avilés de Taramancos, e tras a inauguración oficial do curso a cargo do concelleiro de cultura Javier Rodríguez, realizou Xavier unha breve e gorentosa introdución verbo de Celso Emilio Ferreiro. Das súas palabras quedei con esa relación que soubo atopar entre Celso Emilio e Noia a través da colaboración que o poeta de Celanova realizou con Prudencio Romo, quen lle solicitara un texto para acompañar un disco no que “Los Tamara” interpretaban poemas de Curros Enríquez, Rosalía de Castro e mais do propio CEF. Sabía da existencia dese texto, pero non chegara a lelo, pois chegara a esgrimirse como unha acusación, nunha discusión mantida na casa de CEF en Madrid, para asegurar que este xa non seguía os principios ideolóxicos da organización política nacionalista que cofundara en 1964. O texto repara nas vinculacións entre poesía e música e non dou advertido ningunha intención subliminal que puidese pairar polas súas liñas. Xavier Castro cedeumo amablemente e compártoo aquí con quen vos pasades por esta bitácora.
Por certo, en Noia coñecín persoalmente ao biólogo, profesor e escritor Agustín Agra, a quen sigo con moito interese na súa carreira literaria, e aínda parolamos sobre “A taberna do Galo” celanovesa, arredor dun gatiño fotografado e mais desa relación entre bioloxía e literatura galega, especialmente vizosa en Galicia e da que Agustín é bo expoñente, a carón de Marilar Aleixandre, Xavier Paz, Xavier Queipo, Ramón Caride e seguro que alguén máis. Estas viaxes resultan sempre son ben sabedeiras e ilustrativas.