A plataforma cidadá ProLingua organiza unha Homenaxe Nacional que se lle vai render ao escritor Agustín Fernández Paz o vindeiro 30 de xuño de 2012 en Vigo. A información que manexo informa que o acto será conducido por Rosa Aneiros e que terá lugar ás 12:30 horas na Sala Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia (Rúa Policarpo Sanz, 26). A seguir haberá un xantar programado para as 15:00 no Restaurante Carrís de Vigo ( Avda. Beiramar, 57). Aquí podedes atopar máis información.
Particularmente esta homenaxe paréceme un acerto. Agustín ben merece este recoñecemento pois os méritos na súa traxectoria literaria non teñen discusión desde hai ben anos e, no ámbito persoal, o seu laborar arreo a prol da lingua e da identidade de Galicia, a súa honestidade, a proximidade e o agarimo que sempre dispensa a quen a el se achega coido que constitúen un exemplo. Participar e acompañar a Agustín ese día é volverlle só un pouco do que sempre nos deu xenerosamente.