Paula Carballeira (texto) e Sonja Danowski (ilustracións)
O principio
Kalandraka, Pontevedra, 36 páxinas, 13 €
Impresionoume, e moi gratamente, esta entrega de Paula Carballeira e Sonja Dawowski que chega das mans de Kalandraka baixo o título d´O principio, pois afonda con efectividade, e non é doado conseguilo nun formato de álbum ilustrado, nas devastadoras consecuencias dunha guerra, de calquera guerra pois metaforicamente podería articularse un paralelismo con situacións en que os impactos non son producidos nin por balas nin por pólvora, antes ben por outros golpes máis sutís pero con efectos extratexicamente deseñados e resultados previstos. As vivencias do conflito plásmanse no seo dunha familia e en especial proxéctase a través da sensibilidade dos máis cativos, onde agroma unha luz de esperanza que estes semellan levar canda si, mesmo cando non hai case nada ao que se agarrar.
Por unha banda o texto de Carballeira abéirase a un esencialismo rotundo, raiano co lírico e, por iso mesmo, revelador pois mesmo semella querer situarse a un lado para potenciar a mensaxe cifrada nas ilustracións, absolutamente fascinantes e que páxina tras páxina, inseridas nun realismo case fotográfico, facilitan o acceso a un universo do que xa non se pode saír até o final. Malia iso, é ben preciso ese fío narrativo brevísimo, que cumpre á perfección a súa función estética e orientativa, suxerindo nas máis das ocasións fíos narrativos que non é preciso relatar pois cómpre que os restituamos ou reinventemos os propios lectores e lectoras.
Un libro, pois, moi recomendable. Confirma, sen dúbida, a adaptación camaleónica e afortunada de Paula Carballeira a diversos xéneros e formatos narrativos por un lado e descobre, no meu caso, unha magnífica ilustradora como é Sonja Danowski (á dereita na foto).