Onte, en San Simón

Apuntaba onte que esta iniciativa dos premios Xerais é unha das festas máis relevantes das Letras Galegas vivas, e teño para min que é bo que así sexa pois por veces é difícil recoñecer o que vai discorrendo diante de nós. A cerimonia da entrega dos premios, que tan impecablemente iniciou e organizou Celia Torres e que contou coa intervención musical de Xurxo Souto, paixón a rebordar coma sempre, permitiu esquecer por un anaco eses graves acontecementos sociais e económicos da actualidade, aínda que estiveron implícitos, como non podía ser doutro xeito, no magnífico discurso da benquerida Marilar Aleixandre,  mantedora literaria deste ano que soubo fiar unha intervención intensa, cargada de lume e de fe nas palabras.

     Toda unha sorpresa -pois supón algo realmente pouco habitual…, sen afondar moito creo lembrar algún título semellante escrito a catro mans entre Helena Villar e Xesús Rábade hai anos-  supuxo o premio maior que recaeu María Lorenzo Miguéns (Dodro, 1986) e no seu pai Manuel Lorenzo Baleirón (Dodro, 1957) por Tonas de laranxa: unha suxestiva novela, ao que parece segundo o xurado, exposta en clave cunqueiriana a través dun exercicio de amor á lingua (na foto superior pai e filla nuns segundos antes da recolla do galardón).

       Moito me alegrei ao saber que Marcos Calveiro acadara o Merlín 2012. Non oculto a miña devoción polas súas achegas narrativas e con este Palabras de auga seica volve abrir novos horizontes espaciais para  a nosa literatura infantil e xuvenil co talento que o caracteriza. Onte púidolle a emoción e talvez por iso foi quen de construír un discurso tan conmovedor como había tempo que non oía -ademais, gustoume moito o pin que lucía na lapela-. Por último, o discurso de peche de Manuel Bragado, acaído ás circunstancias que vivimos dentro e fóra de San Simón , pareceume nesta ocasión especialmente enxeñoso, faiscante e, coma sempre, emitido desde a instancia dos afectos.

    Á volta no barco, bretemosa e chuviñenta, Vigo era, outra vez,  un Goliat que nos volveu engulir agarimosamente. Grazas por este serán ao equipo de Xerais.

PD. E esquecía as atinadas evocacións de Celso Emilio,  que pairou felizmente enriba de nós neste ano do centenario. Grazas tamén!