María Reimóndez, con O monstro das palabras e Pirata ao fondo

Outra vez ese privilexio que é vivir a dinámica dun club de lectura. No centro en que traballo tivemos ocasión de gozar cunha nova visita ao “Lendo no Galiñeiro”: a derradeira deste curso escolar. Nesta ocasión foi María Reimóndez que nos agasallou cunha rápida e áxil revisión do que se pode atopar n´O monstro das palabras e en Pirata, en xeral en toda a súa produción narrativa: unha reflexión substancial sobre a lingua e as linguas, arredor do exercicio do poder, das relacións entre as persoas e do papel da muller na súa obra e mais no mundo. Acabamos dialogando sobre Implicadas no Desenvolvemento, os seus proxectos e realidades. Como non podía ser doutra maneira tamén se citou a Salma, ao seu Despois da medianoite e ao que alí se conta. Foi unha visita memorable, substanciosa e da que moito aprendemos. Grazas!