Á beira de Beiras. Ensaios e apuntamentos, VV.AA.

VV.AA.

Á beira de Beiras (edición de Valentín Arias, Manuel Caamaño e Víctor F. Freixanes)

Galaxia, Vigo, 2011, 228 páxinas, 20 €

Lembrei este volume a semana pasada, ao se celebrar un recoñecemento a Valentín Arias en Vigo, ao que lamentei non poder asistir. Valentín foi un dos coordinadores da edición, xunto con Manuel Caamaño e Víctor F. Freixanes, deste Á beira de Beiras. Ensaios e apuntamentos, un libro que xa se presentou nunha homenaxe tributada a Beiras en  Compostela en decembro do ano pasado.

   Articulado como un recoñecemento á súa figura e  traxectoria intelectual, nas páxinas limiares os  editores confesan con claridade a intención deste volume de autoría compartida: “nace do territorio dos afectos, da admiración e dos agradecementos. En certa medida é unha crónica de viaxe (crónica sentimental), mais tamén unha ocasión para reflexionar, unha proposta aberta para abordar algunhas cuestións que nos atinxen e que conforman a axenda da nación”.

      Esta é a perspectiva que posibilita estruturar o volume, por un lado, con artigos que afondan na significación que tivo O atraso económico de Galicia (1972);  nos aspectos máis estritamente biográficos de Beiras por outro  e, finalmente, aprovéitase a ocasión para incorporar outro conxunto de textos que esculcan, desde perspectivas diversas, nun feixe de asuntos vinculados coa lingua, a cultura política do galeguismo, a globalización, a demografía ou as colectividades galegas no exterior, entre moitos outros. Un libro plural, convén deixar constancia diso, no que participaron as seguintes persoas: Salomé Álvarez Blanco, Xosé María Álvarez Cáccamo, Alfonso Álvarez Gándara, Luís Álvarez Pousa, Aureli Argemí, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xosé Luís Barreiro Rivas, Justo Beramendi, Fermín Bouza, Xosé Ramón Fandiño, Miguel Anxo Fernán Vello, Francisco Fernández Rei, Eduardo Galeano, Manuel Gallego Jorreto, Pilar García Negro, Fernando González Laxe, Margarita Ledo Andión, Xoán López Facal, Abel López Rodríguez, Ramón Máiz, Carlos Mella, X. L. Méndez Ferrín, Teresa Moure, Camilo Nogueira, Martiño Noriega, Mario Orjales Pita, César Portela, Xulio Ríos, Enrique Sáez Ponte, Manoel Santos, Carlos Taibo, Xavier Vence e Ramón Villares.

    Teño para min que este tipo de  achegas, aínda que talvez de minoritaria resonancia, son moi precisos pois alén do lícito e xusto recoñecemento a unha persoa, a unha traxectoria, neste caso, de quen protagonizou acontecementos clave na nosa historia máis recente, serven para que o esquecemento, o silencio ou a desmemoria non se abata, inclemente, sobre quen non o merece. Parabéns polo proxecto.