Ruído de fondo
Xerais, Vigo, 48 páxinas, 12,60 €
Poesía que arregaña os dentes é esta de Daniel Salgado, e ben preciso destas intervencións estamos. Ruído de fondo encádrase entre paratextos que van de Dante até Hölderlin e nos poemas dialógase con Badiou, Eagleton, Ballard ou Walter Benjamin. Salgado descende aos infernos, ou se cadra tan só os outea desde a precisa distancia para adquirir unha perspectiva que posibilite ir espellando alertas sobre a realidade caótica, a desorde -tamén na formulación estrutural- e o balbordo do tempo presente; e faino a través dun discurso quebrado, fragmentario, á busca na periferia daquilo “que non se debe contar”, desde o cuestionamento da propia instancia autorial e poética para acadar estes obxectivos.
Peregrinan nestas páxinas fábricas e obreiros; violencia e angustia, escravitudes e consignas, abismos e destrución; enxurradas de luz a iluminar, posiblemente, a escuridade e o ignoto; a pedra e mais o corpo, a linguaxe e a poesía pois vén sendo “na impotencia / onde se resolve o poema”: un poema que combustiona, que arde mais non desaparece totalmente pois nos rescaldos seguen a crepitando eses ruídos que persisten. Bo é que se repare neles.
PD. No programa poético La Voz en Espiral, de Radio Fórum (Mérida), Suso Díaz, MariPaz Paz e mais eu dialogamos sobre este libro. Nesta páxina do programa pódese escoitar a conversa a través dun podcast.