Ler non é clandestino: vídeo para a promoción da lectura

A miña amiga Gracia Santórum faime chegar este magnífico vídeo para promocionar a lectura que preparou, xunto con Anxo Fernández, como despedida dun traballo fundamental que levou a cabo na comunidade educativa do IES Chano Piñeiro en Forcarei e que converteu nun auténtico exemplo de dinamización lectora. Recomendo expresamente a lectura do apuntamento que acompaña a este vídeo, do que extraio estas palabras que subscribo enteiramente:

       “Cremos na lectura como solución. Cremos na lectura como viaxe, como multiplicación, como evasión, como interese, como sabedoría. Cremos na lectura como universo. Como o don da racionalidade, da fantasía, da grandeza, do horizonte sen fin.

       Cremos na lectura como CULTURA. E sobre todo cremos na lectura no noso idioma, na nosa lingua. Porque só defendendo ambas cousas, LINGUA E CULTURA o noso país terá futuro de seu”.

        Parabéns por este traballo e parabéns pola túa traxectoria na defensa e nos valores da lectura, Gracia.