Xosé Neira Vilas (edición e notas)
Correspondencia de Xosé Neira Vilas con Valentín Paz Andrade e Celso Emilio Ferreiro
Cadernos Ramón Piñeiro (XXII), Xunta de Galicia, Santiago, 2012, 172 páxinas.
Coido que foi oportuna a publicación deste libro xustamente neste ano cando tanto Valentín Paz-Andrade como Celso Emilio Ferreiro ocupan os polos de atención mediática nas letras galegas. En puridade, boa parte destes textos eran xa accesibles a través dun volume publicado por Galaxia hai dous anos baixo o título de Cartas de vellos amigos, en edición de Dolores Vilavedra, ao meu ver unha achega extraordinaria pois xa desvelaba a rede de relacións de parte do galeguismo de posguerra até case os nosos días.
Coñecíanse, así pois, as cartas que Paz Andrade e Ferreiro remitiran a Neira Vilas, mais non, publicamente, o diálogo que se completa ao inserir agora as epístolas do autor de Gres e que facilita unha cabal e biunívoca comprensión desas relacións, alicerzadas claramente desde as instancias da amizade, a mutua colaboración en tantos proxectos e o espírito conciliador e xeneroso entre todos tres.
Particularmente, ademais de coñecer as cartas que Celso Emilio Ferreiro lle enviara a Neira Vilas no anterior libro amentado, tivera a fortuna de consultar, e aprender, do corpus epistolar de Neira que se conservaba no fondos da Fundación Celso Emilio Ferreiro, e que agora se fai público, constituíndo un material extraordinariamente útil pois testemuña unha amizade xerada desde os afectos, malia só vérense persoalmente unha vez na vida. A través destas páxinas felizmente conservadas advírtese como desde elas puido agromar ese intenso intercambio comunicacional baseado nos libros, nas noticias literarias, nas referencias máis ou menos confidenciais pertencentes ao ámbito persoal ata deixar unha boa mostra das actividades políticas no fondo converxentes. Todo o que aquí se atesoura resulta de inestimable axuda para reconstruír moitos capítulos biográficos, no caso de CEF especialmente no que atinxía ás súas experiencias no seo da Hermandad Gallega de Caracas.
Por outro lado, e nunha tonalidade semellante á anterior, o diálogo entre Neira Vilas e Paz-Andrade, sempre estimulante e máis dilatado no tempo, transparenta as vivencias, os proxectos, as angueiras e esperanzas comúns, permitindo asemade afondar nalgúns socalcos biográficos e literarios de ambos os autores de inestimable interese sociolóxico, mais tamén literario, político e cultural.
Nunha carta, de 1966, Neira escríbelle a Paz-Andrade: “escribo sempre (sin présa nin acougo) en galego, o que é pra min un irrenunciábel, pracenteiro e perpetuo deber”. Fermosas palabras que testemuñan un percorrido vital exemplarizante: así foi e así segue sendo hoxe. Parabéns por esta publicación.