Hai ben de tempo que devecía por dar conta desta orixinal iniciativa que se artellou baixo o título de “Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro” e hoxe, que a editorial Ouvirmos, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, acaba de ofrecer este recurso en rede, coido que é o momento de facelo.
“Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro” trátase dunha iniciativa que pretende informar sobre a obra e mais a vida do autor de Celanova, nunha primeira instancia, ás máis das persoas que viven nas rúas galegas que levan o seu nome, empregando para iso un recurso como é o buzoneo masivo, organizado en diversas quendas e tocándolle hoxe ás rúas homónimas nos concellos de Burela, O Saviñao, Viveiro, Monforte, Sarria e Lugo.
A publicación, concibida a xeito de revista e cuns contidos claros e atractivos -pódese consultar premendo aquí-, percorre a través do texto e da imaxe as claves biográficas e literarias do autor, con rigor e amenidade. Só que me queda dar os parabéns a quen a ideou, a quen lle deu forma e fixo posible a súa circulación. Unha achega, sen dúbida, neste ano do centenario, extraordinariamente orixinal e, coido, moi efectiva.