V Premio literario escolar novacaixagalicia

Publicouse un volume hai escasas datas, como veu facéndose anualmente, que recolle os textos galardoados na V convocatoria dun dos premios escolares existentes de maior proxección en Galicia desde hai algúns anos e ás cifras de participantes me ateño. Alén dos galardóns en si teño para min que a publicación nun volume colectivo destes textos literarios constitúe, sen dubidalo, o mellor recoñecemento e, neste sentido, asegundo as palabras do prologuista e presidente do xurado, Francisco Castro, cando sinala que son “textos dunha altísima calidade e dun nivel certamente sorprendente pois de rapaces ou adolescentes estamos a falar”.

    Deixo aquí constancia dos nomes dos gañadores na convicción de que, de aquí a un pouco, esta canteira dará os seus froitos: Silvia Dorila de Diego Millarengo, Daniel Alonso Lorenzo, Leticia Álvarez Teruelo e Afonso Francisco Traficante Fernández; e permítome avisar sobre este último: un estudante de bacharelato do Antón Fraguas de Compostela, autor dun suxestivo,  fascinante e estremecedor poemario e que xa acadara outros premios en numerosos concursos literarios (na foto da esquerda xunto co exalcalde compostelán Bugallo ).

          Parabéns por esta publicación que, agardo, non sexa a derradeira.