Misterio e intriga no Vigo de hoxe

A NOVELA DE PEDRO FEIJOO ATRAPA CUNHA TRAMA INTEGRADORA QUE BRILLA POLA SÚA FLUIDEZ NARRATIVA E CALIDADE LITERARIA

Saudei, hai xa algúns meses neste mesmo espazo, esta primeira entrega de Pedro Feijoo (Vigo, 1975) e non quixera deixar de recomendar, outra vez, a súa lectura. Non fun a única persoa que subliñou os seus inequívocos acertos e, de feito, a súa reedición significa que, felizmente, n´Os fillos do mar converxeron crítica e lectores.

       É esta unha novela para gorentar en calquera época do ano, abofé, mais talvez resulte especialmente acaída para estas datas nas que se procura, sempre que sexa posible, unha fuxida cara a territorios imaxinativos que saiban termar,  con garantías, da esperanza que calquera abriga para  converterse en suxeito activo dun conxunto de historias ás que axiña se lles outorga a precisa complicidade; sen esquecer por iso unha cumprida fluidez narrativa e a esixible calidade literaria.

        Para quen xa a leu só que me queda desexar que a siga recomendando como sei que así vén sendo; para quen non o fixo aínda apunto que Feijoo integra, con habilidade, elementos que pertencen á novela histórica, á de intriga e mesmo á de aventuras, cun pano de fondo extraordinario, por acaído e retratado con acerto, como é a cidade de Vigo. Con estes vimbios, cunha arquitectura interior solvente e sólida e mais cunha tonalidade irónica nalgunhas páxinas, irán desvelándose unha sorte de enigmas, algúns deles de carácter identitario, adoptando un ritmo de filiación cinematográfica no que atinxe á dosificación do suspense. Todo por xunto posibilita que o rodopío  narrativo medre imparable e que un se vexa atrapado nel, sen remedio.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, o 30 de xuño de 2011.