Dezaseis cancións para voz e piano (Novas CEF XLIII)

VV.AA.

Dezaseis cancións para voz e piano

Consello da Cultura Galega, Compostela, 2012, 114 páxinas, 12 €

 

Souben hai algúns meses, mercé o meu amigo Miro Villar, da existencia dunha publicación a través da que o Consello da Cultura Galega festexaba os vinte e cinco anos de existencia da Asociación Galega de Compositores. Nunha visita que realicei á sede do Consello a miña benquerida Rosa Aneiros (magnífica na presentación da homenaxe nacional a Agustín Fernández Paz!) agasalloume cun volume do que quero deixar aquí constancia pois incorpora, non podía faltar este ano!, a partitura do célebre “Longa noite de pedra” de Celso Emilio Ferreiro realizada, neste caso, por Xoán Antón Vázquez Casas, na actualidade director da Coral De Ruada de Ourense.

      O libro, prologado por Ramón Villares, Maximino Zumalave e mais Margarita Viso, evidencia os magníficos resultados dese casoiro entre música e poesía galega como amosan eses sons inspirados en textos pertencentes a poetas de desemellantes épocas e sensibilidades: de Rosalía a Leiras Pulpeiro, de Luz Pozo a Cuña Novás, de Miguel Anxo Fernán-Vello a Miro Villar ou de Román Raña a Esther López Castro, entre outros. Parabéns pola iniciativa e grazas por permitirme coñecela.