En vías de extinción, de María Reimóndez (presentación)

Onte asistín á presentación de En vías de extinción, a última novela de María Reimóndez, na Feira do Libro de Vigo. Non frecuento como debera as presentacións mais unha amiga pedírame que asistise e alí fun. O acto, presidido simbolicamente por un feixiño de ponlas e talos de árbores do país, decorreu con simpatía e, para min, con indubidable interese. Tanto Manuel Bragado como Michael Skinner diseccionaron con estilo propio senllas lecturas  do orixinal, significativamente coincidentes en moitos aspectos. Un libro, ao que parece, radical -que vén de raíz-, innovador, plural, que esculca na verdadeira faciana de moitas cousas, que defende o dereito á intimidade e á biodiversidade, con argumentos literariamente contundentes mais tamén con retranca. Dou fe, lendo xa as primeiras páxinas deste libro, que hai moito disto, o que me comprace extraordinariamente pois tamén precisamos textos literarios deste xorne, que nos axuden tamén a pensar.

    María Reimóndez, ao final, leu tres breves anacos que iluminaron con acerto e claridade os principais sentidos dunha novela que, conxecturo sen moito medo a errar, que ha ser un dos libros máis destacados da tempada.