Trampa de luz, de Agustín Agra

Agustín Agra

Trampa de luz

Edicións Xerais,Vigo, 2012, 80 páxinas, 11,35 €

 

Acóllea unha colección de narrativa xuvenil mais esta Trampa de luz, do noiés Agustín Agra, encerra moitas razóns para se converter nun volume de éxito, tamén para adultos. A novela articúlase como unha homenaxe tributada a H. P. Lovecraft, neste ano no que se cumpre o setenta e cinco aniversario do seu pasamento, e deste xeito Agra consegue atrapar e reproducir, actualizándoa, a atmosfera que rodea os relatos do norteamericano para que xermole unha historia, con protagonismo adolescente, rexida por ese progresivo asentamento do fantástico ou terrorífico nun aparente clima de normalidade, incorporando chiscadelas cara aos terreos da bioloxía ou da propia literatura e os libros, inseridos con soltura nunha trama central que avanza, ademais, con fluidez. Agra, co que atopo moitas claves comúns coa escrita de Fernández Paz, arremeda con perfección o universo enigmático de Lovecraft, mais con estilo propio, o que non é doado.

 

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 30 de xuño de 2012, baixo o título de “Homenaxe a Lovecraf”.