Cartas ao director, de Rafael Laso

Rafael Laso

Cartas ao director

Tambre, Vigo, 2012, 130 páxinas, 9,90 €

Acaroado á temática do terror, Rafael Laso publica Cartas ao director, onde a epígrafe que lle dá título responde á estrutura narrativa empregada para volver poñerlle cara ao mal ou á maldade, facendo uso do recurso da escrita como constancia da experiencia, vivida ou imaxinada. Incorpora o autor, e abofé que non o fai mal, unha longa nómina de situacións a través das cales se evidencian os signos do mal: obxectos que se desprazan, voces e badaladas que proveñen de lugares descoñecidos, o número 666, rostros perfilados na parede, espectros…, construíndo un torbeliño ao que se pretende pór solución para acadar o preciso acougo a través de diversos medios onde a esculca, entre outros recursos, adopta unha modulación interesante nun percorrido polas igrexas galegas trasladadas como foron as de Portomarín, Redondela, Chantada, Porqueiras, Belesar ou Xinzo. Páxinas, pois, que harmonizan con xeito estremecedoras tradicións lendarias e antropolóxicas, do aquén e do alén.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas”, de La Voz de Galicia, o 30 de xuño de 2012, baixo o título de “Badaladas e espectros”.