Rapoemas, de Aid

Aid

Rapoemas

Editorial Galaxia, Vigo, 2012, 30 páxinas + CD, 20 €

 

Saúdo con entusiasmo esta iniciativa que bota a andar estes días a Editorial Galaxia baixo o título de Rapoemas e que ofrece, por xunto e cun feliz resultado, textos da poesía galega clásica levados pola  voz e  ritmo hip hop da cantante viguesa Aid.

    Por experiencia propia -penso nas célebres versións realizadas por García Mc (Dios Ke Te Crew) sobre textos de Celso Emilio Ferreiro-, sei da relevancia que a música pode ter como transmisora da poesía para a mocidade, aínda máis se a interpretación que esta adopta se alicerza en ritmos próximos ou familiares a aquela.

   Neste caso, Aid realiza sorprendentes e frescas versións musicadas de diversos poemas rosalianos, xunto con outros da autoría de Curros Enríquez, Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro, todos eles recollidos nese libro, editado requintadamente, que acompaña ao cedé, e que se pecha cun epílogo de Pemón Bouzas baixo o título de “Unha convulsión musical”, no que subliña algunhas das claves desta achega.

    As versións cómpre gozalas na súa integridade mais, para confirmar a potencia de Aid como intérprete destes textos poéticos clásicos, velaquí un vídeo da súa intervención na presentación do libro-cedé celebrada hai poucos días na Feira do Libro de Vigo: