O papagaio de Monsieur Hulot, de David Merveille

David Merveille

O papagaio de Monsieur Hulot

Kalandraka Editora Portugal, Matosinhos, 2012, 56 páxinas, 15 € (edición tamén en castelán)

 

Dá xenio poder ollar, ler e gozar libros coma este que traio agora á bitácora, que viu a luz orixalmente en 2005 mercé ás Éditions du Rouergue (reproduzo á dereita esa cuberta, idéntica ás versións existentes que veñen de aparecer mercé a Kalandraka e Kalandraka Editora Portugal),  no que se homenaxea ao cineasta francés  Jacques Tati (1907-1982), a través dun espléndido traballo do ilustrador David Merveille, nun libro sen texto, estruturado a través de páxinas despregables nas que resalta a ironía e o fino humorismo, ademais de posibilitar achegarnos ás reviravoltas que protagoniza o señor Hulot, ese personaxe creado e interpretado polo propio Jacques Tati (extraordinario o seu web, por certo), cando decide dar unha volta por Paris, incorporándose numerosas claves de filiación cinematográfica para un lector adulto como se pode advertir no deseño da propia casa de Hulot ou nas fontes -en forma de peixe e rotatoria- que aparecían noutras películas súas.

     Á marxe disto, e alén de rescatar e pór ao día ese ronsel do cinema mudo no que non se pode deixar de pensar no herdo de Charles Chaplin ou Buster Keaton, para un lectorado máis novo estou certo que se transloce con facilidade esa idea primordial que paira no álbum como é a inequívoca vontade de plasmar o feito de que o cotián pode converterse, ás veces, en algo marabilloso, sorprendente e tamén divertido. Abofé que David Merveille, ofrecendo abondosos detalles aquí e acolá, sabe dar renda solta á imaxinación para que se poida  ir completando, segundo as idades e competencias,  o sentido destas secuencias, realmente máxicas, que sen dúbida recomendo.

Deixo aquí, para concluír, un booktráiler -naturalmente mudo- da edición brasileira deste volume: