O peizoque Roque, de Dores Tembrás

Dores Tembrás

O peizoque Roque

Editorial Galaxia, Vigo, 2012, 32 páxinas, 9,30  €

 

Dores Tembrás, na súa faceta como creadora literaria, supuña para min unha voz singular e suxestiva que coñecía a través do seu O pouso do fume: un extraordinario poemario do que me ocupei no seu día e que moito me gorentou.

       Sorprendeume, e gratamente, a aparición deste libro para primeiros lectores e lectoras titulado O peizoque Roque e que conta ademais cun espléndido traballo de ilustración a cargo de Xosé Tomás, algo que  vén sendo un lugar común nas tarefas deste profesor e artista,  ofrecendo unha interpretación transparente e orixinal do espírito central que domina o libro e sustentándose, en boa parte, nun rendible e acaído emprego da técnica da colaxe.

     Tembrás articula, así pois, unha estrutura moi meditada e acaída que, dalgún xeito, se insire nunha estética pola que transita con naturalidade desde a súa poesía para adultos; pois de poesía tamén falamos, e de poesía para quen comeza a abeirarse á lectura. Velaí como o ritmo se erixe como un elemento clave desta proposta: un ritmo que potencia a sonoridade dos versos e que, sen dúbida, repousa nesas palabras escolleitas ás que se lles outorga unha dimensión fulcral pois nesta fábula -protagonizada por ese peizoque, pisco ou paporrubio se se quere, chamado Roque- o alimento que procura para vivir é, precisamente, a palabra. E será o paxaro, mercé unha estratexia acumulativa, quen vaia atesourando, e partillando, aqueloutras que lle agasallan un bo número de personaxes do universo natural que poboan.

    Exhíbense, nesta entrega, altas doses de sensibilidade, poética por suposto, mais tamén unha querenza insubornable pola palabra, pola función clave que desempeña para formar lectores e lectoras. O que non é pouco.

      O libro presentarase o primeiro de agosto na Feira do Libro da Coruña; mentres tanto, alén de recomendar a súa lectura,  deixo aquí unha montaxe sobre O peizoque Roque realizada nun colexio da Coruña coa propia autora: