As meigas de Lupa, de María Solar

María Solar

As meigas de Lupa

Xerais, Vigo, 2012, 120 páxinas,  11, 35 €

Lin con interese As meigas de Lupa, a última proposta literaria que nos achega María Solar, autora até o de agora de diversos libros de carácter divulgativo e mais de obras literarias focalizadas nun público infantil e xuvenil. É neste ámbito, o da literatura xuvenil, onde corresponde encaixar esta novela que amosa os ingredientes que se presupoñen para acadar efectividade, isto é, protagonismo adolescente que vive con paixón, dentro dunha aparente normalidade, acontecementos de carácter fantástico ou marabilloso; e é aí onde se presenta o que, a meu entender, singulariza esta novela pois o seu argumento descansa, en boa parte, nun elemento, curiosamente pouco tratado nestas obras, como é a presenza das meigas -as máis desta entrega nunha versión modernizada e atractivamente contemporánea-, convivindo noutro plano narrativo, para o meu gusto moi interesante e acabado pola documentación que exhibe, que se sitúa no tempo dos castrexos e, nomeadamente, na época da raíña Lupa e o rei Duio, co sartego de Santiago Apóstolo polo medio e numerosas referencias literaturizadas, e isto cómpre anotalo no seu haber, a elementos tirados do noso imaxinario colectivo nas súas formulacións mitolóxicas e lendarias.

    A novela, alén de facer converxer con intelixencia, ou talvez derivar, acontecementos  distanciados vinte séculos, está redactada nun rexistro áxil, primando a comunicación directa co lectorado que se ha sentir ben a gusto asistindo ao devalar e resolución final dunha historia con moitas doses aventureiras -feitizos, persecucións, secuestros, espazos máxicos…-, sen descoidar o pouso dunha información histórica e contextualizadora que nunca está de máis.

    Unha estimable achega, ao meu ver, ao xénero ao que semella estar dirixida da que sospeito que non sería desatinado agardar unha natural continuación.