Quero escoitar (e oír) un conto: audiocontos en Galaxia

Grazas a un amigo comecei onte a ver a serie televisiva  Once Upon a Time, traducida ao castelán como “Érase una vez”, baseada, en esencia, na existencia dun universo paralelo ou alterno onde moitos personaxes dos contos clásicos de fadas existen sen ser conscientes diso. Lembreime, ao fío destes primeiros capítulos, dunha colección  ben coñecida levada a cabo na colección “árbore” de Galaxia como son os “audiocontos“: volumes de pequeno formato nos que, a carón do texto, se inclúe un cedé con cadansúa gravación; proceso realizado baixo a dirección artística de Tero Rodríguez e na que exhiben as magníficas voces de Francisco Martínez Barreiro e Teresa Santamaría, nun traballo realizado en “Muu! Estudios de gravación”.

    Se non estou errado, son catro as últimas achegas desta iniciativa, mergullándose tanto nos textos clásicos infantís adaptados coma noutros provenientes da tradición oral: velaí O labrador, a raposa e o lobo e Bela e besta, ambos os dous adaptados por Xavier Senín; Xan o das fabas máxicas, con adaptación de Xesús Carballo Soliño e, finalmente, O gato con botas, de Charles Perrault e  que vén da man de Ánxela Gracián.

     Cómpre, ao meu ver, non deixar de subliñar o labor de ilustración que estes audiocontos presentan e que os fan extraordinariamente atractivos e diversos para os lectores: o traballo realizado nestas entregas por Xan López Domínguez, Ana Santiso, Marina Seoane ou Manuel Uhía en cada unha das entregas así o testemuña.  Unha interesante opción, en fin, para ler e oír contos de todos os tempos.