En vías de extinción, de María Reimóndez

María Reimóndez

En vías de extinción

Xerais, Vigo, 2012, 400 páxinas, 21 €

 

Hai novelas, é unha opinión, que poden pasar á  posteridade por un capítulo luminoso, pola armazón técnica, polo desenvolvemento atinado dun argumento. Descoñezo se algúns dos motivos amentados, ou outros distintos, poderán asignárselle no futuro a esta proposta que me ocupa; sexa como for, a meu entender, En vías de extinción merece, cando menos, ser lida e valorada pola frescura, modernidade, rebeldía e
heterodoxia que, sen dúbida, atesoura.

     Non resulta doado, malia todo, sintetizar os elementos axiais que gobernan esta voluminosa entrega; até o que puiden advertir algúns dos alicerces que a constrúen fan pensar nunha novela de protagonista, aínda que tamén sexa coral pois non se esquezan os ben singularizados Adela, Tom, Doris, o señor Manuel, Alicia ou os cans Roxo e Risco. É Gaia, así pois, o personaxe central perfilado cun buril tan incisivo e limpo, que muda desde Mariña até ese nome, o que transmite unha engaiolante personalidade marcada pola persuasión e mais pola defensa –argumentada e rotunda- das súas propias conviccións, sexan estas estritamente persoais ou de proxección colectiva, ofrecendo aquí unha inequívoca panorámica que retrata con intelixencia o noso tempo actual, especialmente diáfana tanto na maxistral e esmagadora defensa do propio idioma como no que se rastrexa nun monllo de textos abeirados ao ensaio e encabezados baixo o título de  “Teoría e práctica do discurso”, nos que se reflexiona sobre a ecoloxía en Galicia, arredor do papel ético dos intérpretes e outros asuntos de perenne actualidade.

       A novela, e non só por esa cuberta na que se incorpora unha árbore en parte grafitada nun muro e noutra como é natural de ver, amosa esa dualidade pola que transita a protagonista, a cabalo de desexos  truncados ou talvez acadados, entre as súas raíces, rurais e omnipresentes porque ao tempo tamén a definen, e a súa vida cotiá desenvolta en distintos ámbitos profesionais e vitais. Non resulta  gratuíto que as distintas epígrafes da novela respondan a nomes de  árbores, nin tampouco que a cerna e as vetas espellen diversos  momentos vitais de Gaia, reflectindo quer a nenez e a historia familiar; quer o seu traballo de intérprete, quer a relación sentimental cunha cantante de nome MK; sen obviar ese tempo inmediatamente anterior ao presente onde o saibo da empanada que lembra da casa natal realiza a mesma función que a madalena de Proust nin, finalmente, esoutro plano no que se evocan os anos primeiros na aldea e as vivencias nunha cidade como Vigo.

      Todo o devandito non se amosa dun xeito lineal e é por iso polo que se esixe unha implicación activa de quen a ela se achegue, sen que isto nunca se erixa como unha barreira infranqueable: os acontecementos van e veñen, arrinca talvez in media res e salta por riba de espazos e tempo, cun  diálogo acaído de voces narrativas, ata que todo converxe con naturalidade alicerzando esa sorte de etopea dun personaxe, agromando así ese perfil que enraiza nunha sólida e rotunda defensa da (bio)diversidade, exhibindo unha crítica, mordaz e demoledora, por exemplo, do sempiterno ventar público das intimidades das persoas ou afondando na verdadeira dimensión dos conceptos de rebelión e intransixencia. Unha reserva de palabras e sentimentos para rescatar o que, estando en vía de extinción, aínda podemos salvar, sobre todo a liberdade, persoal e colectiva.

 

Esta recensión publicouse baixo o título de “Rebeldía e heterodoxia” no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 14 de xullo de 2012.