1. Agustín Fernández Paz. A AELG, a través dunha carta asinada por Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas, solicitou o nomeamento como Doutor Honoris Causa para Agustín e o 20 de xuño de 2012 o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo decidiu aprobar esta proposta por maioría. Enténdoo como un acto de xustiza este máximo recoñecemento universitario; tamén o foi a emocionante Homenaxe que se celebrou 0 30 dese mesmo mes en Vigo. Beizóns para Agustín.
2. Vidal Bolaño. Xa temos autor para as Letras 2013. Recoñezo a miña satisfacción con esta escolla, como igualmente a amosaría con algúns dos candidatos que se barallaban. O dramaturgo compostelán posúe incontestables méritos para este nomeamento e coido que debe ser un ano para que se fale tamén de teatro galego, que se proxecte a relevancia deste xénero na nosa sociedade e que se mellore a súa saúde. Quedou Rosalía de Castro fóra desta escolla, que sería unha elección magnífica pois 1963, cando se lle dedicou, queda xa ben lonxe. Con todo, conxecturo que non ha ser difícil que o Parlamento de Galicia e outras entidades, seguindo o ronsel do ocorrido con Álvaro Cunqueiro en 2011, e no presente ano con Celso Emilio Ferreiro, poidan acordar dedicar o 2013 a enxalzar a memoria rosaliana. Unha e outra celebración non as entendo como incompatibles; é máis, teño para min que resultan felizmente complementarias. Oxalá así sexa.
3. Non esquezo que estamos no verán e non vou recomendar ningún título concreto aquí mais si apunto algúns dos volumes que, por diversas razóns, agardo que me poidan acompañar este tempo: En vías de extinción, de María Reimóndez, Tempo de outono de Mario Regueira, Iria de Anxo Angueira, a biografía sobre Murguía que subscribe X.R. Barreiro e os Rapoemas de Aid (na foto superior). Falarase deles.
4. Conclúo coa referencia a un novo selo editorial: Fabulatorio, que chega da man de “desescribir”: un estudio galego de deseño gráfico e editorial. Os seus primeiros pasos son moi prometedores e, desde aquí, deséxolles toda a sorte do mundo.
Este texto publicouse nas páxinas de Biblos. Clube de lectores, nº 57.