Dúas letras, de Fina Casalderrey e Eloy Varela

Fina Casalderrey e Eloy Varela

Dúas letras

Galaxia, Vigo, 48 páxinas + dvd, 20 €

Danse a man, felizmente nesta ocasión, literatura e cine nunha iniciativa conxunta que chega da man da editorial Galaxia baixo título de  Dúas letras: un proxecto realizado a dúas bandas que a escritora pontevedresa Fina Casaldarrey e mais o cineasta Eloy Varela decidiron darlle forma e que se presenta agora nunha publicación desas que me parecen imprescindibles nesta tempada literaria.

     As razóns que se poden argumentar son ben heteroxéneas pois esta publicación encerra, sen dubidalo, numerosos puntos de interese alén do estritamente literario ou cinematográfico. Particularmente cheguei, en primeira instancia, á curtametraxe rodada en branco e negro, galardoada xa nalgúns certames cinematográficos e incorporada a  través dun dvd anexo que, asemade, inclúe extras en formade entrevistas co director, a guionista, a primeira actriz, o making off e as localizacións da gravación. Esta, desde un punto de vista temático, afonda nas consecuencias da emigración alén mar, ambientada na Galicia dos anos cincuenta, e vai nucleándose mercé á  redacción que unha mestra fai dunha carta “ditada” por Áurea e a lectura doutra que recibe do fillo desta e que permiten
unir non só os espazos físicos unha aldea galega do interior e a cidade de Buenos Aires, senón tamén os sentimentais. Nela, fóra do arrecendo á inesquecible Mamasunción de Chano Piñeiro, algo inevitable e mesmo recoñecido pola autora do guión ao esculcar literariamente asuntos desta xinea, sempre tan dramática, exponse o conflito e resólvese nas imaxes con marabillosa naturalidade por un elenco de apenas cinco persoas entre as que salienta, alén da autora do guión e Mariano García, a protagonista, Teresa Fraga, asumindo un papel central que protagoniza con  pasmosa naturalidade.

     Por outra parte o libro, ademais de ofrecer varios e suxestivos textos ad hoc subscritos por Eloy Varela, Víctor F. Freixanes e mais Francisco Castro, que asedian desde diversas perspectivas as razóns últimas deste proxecto e as reflexións que del se poden derivar, inclúe o texto literario creado pola propia Fina Casalderrey a partir do guión inicial: unha proposta literaria homónima que expón substancialmente a mesma historia, nun rexistro diferente construído desde unha instancia case poética e nunha moi coidada dicción narrativa, que  fai de novo pensar en cantas suxestións e impresións distintas son quen de transmitir esas dúas linguaxes artísticas diferentes e como se percibe a creación literaria espida, como se codifica o proceso narrativo ata ese punto medio común que tan ben se acada entre tenrura, ironía e tensión dramática; entre pasado, presente e futuro.

       Dúas letras, a película e o relato, emprázanse nese territorio marabilloso das dúas artes que converxen para encoller o corazón de quen a lea ou de quen a visione: nela gurgulla unha emoción limpa, aguilloante e intensa.

Esta recensión, baixo o título de “Un gurgullar de recordos” publicouse nas páxinas
do suplemento “Culturas”, de La Voz de Galicia, o 21 de xullo de 2012.