Ledicia Costas – Daniel Puente Bello (DNL) (ilustracións)
Xardín de inverno
Everest Galicia, A Coruña, 64 páxinas, 9,25 €
Coñecía textos narrativos e composicións poéticas dispersas e incluídas en libros de autoría colectiva de Ledicia Costas, mais non era posible até hoxe se achegar a un discurso lírico, independente e completo, como o que simboliza este Xardín de inverno, que posibilita gorentar dun poemario que, nesta ocasión, vén acompañado dunha lectura e interpretación fotográfica que adxectivo como intelixente, atractiva e por momentos fascinante, como é a ofrecida pore Daniel Puente Bello (DNL): todo un luxo para calquera proxecto literario que se terce.
Costas, abeirándose a un ton confesional, ofrece unha sorte de dietario, unha crónica realizada cun escalpelo de dobre gume, que disecciona experiencias e testemuños evocados, reconstruíndo un universo persoal que permite alicerzar, aos poucos, un espazo reservado para a intimidade, agora compartida. Ese espazo vén sendo un xardín poboado por vivencias onde agroman as figuras familiares, as perdas e as fendas que a ausencia dalgunha delas provocan nunha voz lírica que se empraza nun escenario acaroado a unha expresión que xoga a miúdo coa simboloxía de filiación marítima, mais tamén coa necesidade de liberación que pode articular a práctica poética.
Non se esquece no poemario a reflexión sobre o concepto da morte e da soidade, beireando as suxestións ofrecidas polo(s) amor(es) frustrado(s) e internándose no medio e medio de certos horizontes cargados de esperanzas; espellando, en suma, caídas das que se intenta saír, nunca indemne, a través do verso que percorre, sempre, os signos que emite o tempo que xa foi: “viaxar no tempo é esquecer / e escribir poesía / para non morrer de frío”.