Contrato con Deus, de Will Eisner

Will Eisner

Contrato con Deus (tradución de Eva Carrión)

Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 2012, 204 páxinas, 18 €

 

Confeso que non coñecía esta novela gráfica que nos trae Rinoceronte á lingua galega. Avalada por se considerar como un auténtico clásico da man dun dos pioneiros no xénero, o certo é que, sen dúbida, colma amplamente as expectativas de quen agarde atopar unha das obras máis salientables da historia da novela gráfica.

       Á exquisitez da edición, que inclúe dous limiares -o da primeira edición do texto e o que se corresponde á edición publicada no ano 2000-, a carón dunha fluída tradución para a lingua galega, xúntaselle o principal mérito como é o de introducir a quen se achegue ás súas páxinas nun universo que o atrapa, visual e textualmente, até o final. Ese tenement lúgubre e escuro do Bronx, nun tempo que se corresponde en liñas xerais ao tempo posterior do crack do ano 29,  cobra protagonismo alén de se converter no referente espacial das catro historias que Eisner constrúe –Contrato con Deus, O cantante da rúa, O Súper e Cookalein– nas que agroman motivos, sempre expostos con extraordinaria forza e en doses acaídas, como o esforzo por resistir diante da adversidade e a exclusión social, a cobiza, o medo, a desolación, a angustia e mesmo a violencia, explícita ou latente, en cada unha das  historias, erixindo unha crítica nada oculta ao capitalismo e ao materialismo. Pódese construír mesmo unha tese sobre estas historias, mais desde aquí só quero convidar a súa lectura ou relectura, desde a convicción de que non defraudarán.