Letters of Note: o engaiolante poder das cartas

Consulto, desde hai algún tempo, un blogue confeccionado por Shaun Usher baixo o título de Letters of Note…, un espazo virtual onde non é difícil atopar algunhas sorpresas. Organizado como un repositorio de textos abeirados á comunicación persoal en forma de cartas, notas persoais ou tarxetas postais,  e coa idea de convertelos nun libro en novembro deste mesmo ano, o editor recolle e reproduce en moitas ocasións textos de diverso interese procedentes dun impresionante corpus autorial constituído até o de agora por  804 cartas subscritas por homes e mulleres da literatura, mais tamén da política, o cinema, a pintura ou outras artes.

      De Arthur Conan Doyle  a Oscar Wilde;  de John Lennon a Iggy Pop; de Tolkien a Victor Hugo, de Vincent van Gogh a Einstein…, malia a orientación case integramente anglófila, a bitácora constitúe un fondo no que é un pracer perderse e aprender. Cantas ideas para facer algo semellante cos epistolarios galegos!